Xente de Teis: “Sito”, o fillo do último alcalde republicano do Concello de Teis

Hoxe dentro desta sección e por xentileza do noso colaborador Avelino Quirós, traemos unha conversa co fillo do que fora o último alcalde republicano do Concello de Teis.
Un concello, o de Teis, que foi alá polo 36 un concello bastante breve, e Julio Quirós foi o seu último alcalde. Un alcalde que, despois do golpe fascista, foi encarcerado e preso no lazareto.
– Que lembras daqueles tempos cando o teu pai foi alcalde de Teis.
– Eu nacín no 40, ou sexa que daqueles tempos como alcalde non me lembro, pero si teño na memoria algúns momentos posteriores que poido coordinar. Cando eu tiña 5 anos lembro que de madrugada viñeron a casa petaron á porta cuns golpes terribles. Todos se levantaron asustados.
– Pero daquela o teu pais xa estaba libre, non?
– Si, pero non deixaban de amolalo, había quen lle puña denuncias dicindo que tiña armas na casa, e viña a garda Civil, viña a policía a rebuscar a casa, o soto e non atopaban nada.
Así foi aquela noite.
– E como vivía despois da súa excarceración?
– Meu pai era mestre de obras, pero se non se afilia- ba ao sindicato da falanxe non podía traballar; entón como o seu sogro tiña un barco de pesca, o meu pai conseguiu embarcar e así estivo un tempo.
Despois dedicouse a facer sulfato, logo xabón, logo reciclou gomas dos coches e de todos estes traballos era do que viviamos. Despois máis tarde recibiu unha carta dun tío meu que vivía en Arxentina e que conseguira unha boa posición económica. Decidiu marchar alí.
– Tivo moitas dificultades para saír?
– Daquela era moi difícil xa que él tiña que presentarse todos os meses na garda civil. Para poder saír tivo que cambiar o apelido para que o meu tío o reclamase con ese novo apelido.
– Cantos anos tiñas ti cando marchastes para Arxentina?
– Eu tiña uns dez anos, e a partir de aí veñen a miña memoria unha serie de recordos.
– Como era persoalmente o teu pai?
– Meu pai nunca estivo afiliado a ningún partido. Iso si, era republicano cen por cen e sempre defendeu aos traballadores e aos seus dereitos.
– Podes contarnos algunha anécdota ou recordo especial que teñas na túa memoria?
– Pois me ven a memoria un día que estivo falando cun Garda Civil que era amigo del e que lle dixo que el sabía que había dúas persoas que o estaban esperando para matarme. El díxolle que como eran dous ao primeiro o mato e co segundo pelexo. O Garda Civil díxolle que no fixera iso. Cando regresou de falar con el ía polo camiño por onde estaba o chalet do Moro, meu dicía que escoitar a voz da sogra dicíndolle que non fora por alí.
Ao día seguinte apareceron alí os dous.
– Ou sexa que se salvou por non ir por alí?
– Eu non o cría moito que escoitara esa voz pero el contábao sempre e aseguraba que era verdade. Era un cariño inmenso o que meu pai tiña coa súa sogra.
– E como foron os anos alí en Arxentina?
– Chegamos alá o 22 de decembro. Estaba meu pai facendo tres apartamentos un deles para ir a vivir nós. Pasamos as festas co meu tío Pepe. A visa foi dura; non porque nos trataran mal, pero había que traballar duro. Eramos sete irmáns vivindo cos meus pais nunha casa. Meu pai sempre conseguiu traballo, naqueles tempos de Perón.
Pouco a pouco fomos prosperando, meu pai fíxose autónomo e ata puidemos comprar un terreo fóra da capital.
– O papel e todo o traballo do teu pai foi importante e como o viviu a túa nai?
– A verdade é que cando se fala da historia e de homes como foi o meu pai, moitas veces esquecemos o papel tan importante que tiveron as nais. A miña nai xogou un papel tamén importantísimo; eramos sete irmáns. Morreulle un fillo de pequeno, outro máis adiante e ela tamén tivo que loitar e sufrir moito para sacar a familia adiante. Meu pai puido facer todo o que fixo porque ela estaba aí.
– Volvendo a Julio; a el nunca o puideron acusar de nada.
– De nada, só de ser alcalde de Teis e iso que estivo moi pouco, e de ser republicano, pero todo viña de antes, porque el xa estaba traballando e colaborando con organizacións como o Sindicato de agricultores.
– Moi importante o traballo destas sociedades por aquel entón, non?
– El falaba bastante diso alá en Arxentina, falaba das súas ideas, de facer unha cooperativa, de facer pilóns para lavar a roupa, para facilitar o traballo das mulleres, de facer un mercado; sempre traballou en todo iso, e todas estas cousas son as que molestaron a algúns e de aí comezou a súa persecución.
Aquí tivemos que deixar esta interesantísima conversa con Sito, pero a bo seguro que poderiamos estar horas e horas lembrando a figura deste alcalde de Teis que tivo o suficiente coraxe e valentía para facer da política un servicio constante á cidadanía.
Unha aportación á historia do noso barrio que conviña lembrar.