Eran outros tempos cando a actividade do sector naval enchía por completo a actividade empresarial do noso barrio. Despois da famosa crise dos anos 70, paulatinamente foi desaparecendo a carga de traballo dos estaleiros da nosa ría, ata que a sobredimesión dos cadros de persoal que deu lugar a un sen fin de regulacións que desembocou coa tan nefasta reconversión naval do ano 1981. A partires de aí nunca máis a construción naval volveu a coller o pulo doutras horas. Coñecemos ben este problema que comezou con Barreras e continuou co desmantelamento do noso estaleiro emblemático Vulcano. Agora toca Metalships, que anuncia un desmantelamento progresivo e por iso os seus traballadores teñen comezado unha folga indefinida, diante da grave situación e do futuro incerto que parece esperar ao futuro da factoría. Unha factoría creada no ano 2000 polo empresario Manuel Rodriguez, e que nos últimos anos parecía ter un gran futuro e cunha importante carga de traballo. Parece ser segundo noticias recollidas na prensa local que o desencadeante desta situación foi o despido de sete traballadores, denunciando que desde o ano 2020 se veñen producindo o despido de ata máis de trinta de persoas. Segundo recolle o xornal Economía Digital Galicia nos últimos tres anos a compañía estaría a sufrir unhas perdas duns 14 millóns de euros. Este mesmo xornal faise eco da posible venta frustrada, un proceso que se iniciou o ano pasado e que segundo fontes sindicais de Comisións Obreiras estaría agora mesmo paralizado. Nos últimos días e segundo recolle o xornal Faro de Vigo, os traballadores de Metalships pediron o apoio, que conseguiron dos traballadores de Rodman, compañía que pertence ao mesmo grupo que preside Manuel Rodríguez , instando a todas as partes para buscar unha solución e que se reverta os despidos deses sete traballadores. Por outra parte a dirección de Metalships ten indicado que espera reverter a situación e confiando na volta ao traballo para poder acometer os traballos pendentes. A empresa ten indicado que trasladou unha oferta aos traballadores a través da mediación da Xunta de Galicia. A situación polo tanto é moi preocupante. A falta de actividade en Vulcano (agora San Enrique) e a actual situación de Metalships esta xerando unha alta alarma dentro do sector naval vigués xa que estas dúas factorías teñen albergado no pasado un alto número de empregos que hoxe están baixo mínimos. Desde Aquí Teis facemos votos para se poida solucionar esta problemática e tamén facemos votos para que as administracións competentes fagan todos os esforzos precisos para remediar esta situación. Levamos nos últimos meses asistindo a caídas de empresas que teñen arraigo na nosa comarca e que constituían unha importante fonte de riqueza e que ademais supuñan o sustento de moitos traballadores e traballadores. *Ao peche da edición do xornal engadimos que a compañía reincorpora a seis empregados das auxiliares e o groso do persoal volveu ás bancadas.

