A Comunidade de Montes de Teis celebrou o pasado día 2 de setembro o seu 25 aniversario cunha festa no parque forestal da Madroa. A cita contou con actividades para nenos, música folk, concertos e cun recoñecemento especial para as persoas e entidades que colaboraron coa comunidade. A súa máxima é a loita contra a acacia negra, unha especie invasora moi difícil de erradicar, para transformar un monte que estaba completamente abandonado nun bosque de frondosa e que actualmente presume de biodiversidade. Destacan tamén pola súa faceta de educación ambiental. De feito, traballan de xeito conxunto cos colexios do noso barrio e formaron un grupo de voluntarios que axudan nas tarefas de conservación do monte durante todo o ano.
