Hoxe toca falar dun tema do que poucas veces temos falado pero que adquire unha gran importancia nos días que vivimos. E que nos tería que preocupar a todos e todas. Ao mesmo tempo que comerciantes somos tamén noutros intres das nosas vidas consumidores. Consumidores que levamos día a día unha serie de accións que poucas veces nos paramos a reflexionar Temos polo tanto uns hábitos de consumo arraigados e que dificilmente cambiaremos porque si, ou porque nolo digan. Pero entender os nosos hábitos e entender a nosas propias formas de comprar, axudaranos moitísimo a entender aos nosos clientes, e polo tanto a empatía cara eles aumentará en boa medida. Comecemos falado do que é un hábito. Dise dun hábito que é aquilo que adoita facerse de maneira repetida. É xa que logo algo que moitas veces realizamos por inercia ou simplemente por costume. Os hábitos permítennos automatizar conductas, ou sexa, que facemos cousas sen saber moito por que, pero están aí e se repiten. Para adquirir novos hábitos ou desterrar algúns que xa temos, xoga un papel fundamental a nosa motivación, e os beneficios que poidamos adquirir ao conseguilos. Os hábitos están fortemente ligados ás nosas rutinas. Converter un hábito en rutina é moi doado se imos obtendo satisfaccións e se imos repetindo durante certo tempo o hábito a conseguir. Temos hábitos de saúde, hábitos que teñen que ver co deporte, co estudio, co noso traballos, hábitos en familia. Jeroni Calafell sitúa os hábitos en tres grandes grupos: – Hábitos sobre accións. – Hábitos de comportamento. – Hábitos de conducta. Sen embargo todos sabemos que podemos propoñer novos hábitos en calquera faceta da nosa vida que queiramos. Algúns estudosos estiman que unha rutina que realizamos tres semanas seguidas se pode converter xa nun hábito. Aínda que todos sabemos que hai hábitos que nos custan adquirilos máis que outros. Ademais da propia motivación están, claro está, as nosas propias limitacións ou as nosas propias características persoais. Pero si está suficientemente probado que con disciplina e motivación podemos chegar a adquirir aquelas novas rutinas que nos propoñamos. E os hábitos comerciais tamén se poden cambiar? Rotundamente si. As motivacións que nos levan a entrar nun comercio ou en outro, teñen que verse reforzadas por diferentes graos de satisfacción para que se cheguen a converter en hábitos. Se eu teño como hábito ler a prensa cando vou tomar un café, está claro que aquela cafetería que teña máis xornais para que algúns estean sempre libres, será a miña preferida. Cambiamos incluso a vantaxe da proximidade por a forza de atracción que me configura un hábito. Coñecer os hábitos dos nosos clientes axudaranos moito a entender como teño que chegar a acadar a súa fidelidade. Ir a un comercio determinado cando preciso algo pode converterse nun hábito, que teremos que coidar. Todos sabemos que hoxe en publicidade se busca máis a fidelidade dos clientes que a propia consecución de novos. Estudar o percorrido que fan os nosos clientes para achegarse ao meu comercio, describir e relacionar ben o que vendemos cos segmentos de idade a que queremos chegar, e sobre todo a atención post-venta son pequenos causas que poden aportar elementos moi valiosos para acadar os nosos obxectivos. Analicemos por tanto os nosos propio hábitos e intentemos coñecer os dos nosos clientes, e partindo dese coñecemento, poderemos chegar a unha práctica comercial máis positiva. Como comerciantes tamén temos que poñernos novas metas e novos retos, e para iso deberiamos sempre tratar de impoñernos pequenos hábitos. Vou a acompañar sempre ao cliente a porta cando se marche, vou a saudar sempre cun sorriso, e todas aquelas rutinas que irán facendo que adquiramos unha serie de hábitos comerciais que nos enchan de satisfacción e de autoestima polo que facemos.

