Falemos de comercio

A importancia de vender a esencia do verdadeiro comercio e a esencia do que somos e do que valemos

Nas orixes do comercio actual, e buscando na historia, atopamos que as antigas civilizacións utilizaban un sistema de intercambio que se denominaba troco. Neste sistema cambiábanse unha serie de mercadorías por outras segundo as necesidades dos compradores-vende- dores. As dificultades deste sistema empezaron a aparecer cando as necesidades non eran as mesmas. É dicir, eu che traio isto pero o que ti queres darme non ten interese para min. Claro, chegou un momento no que ou almacenabamos o que non nos querían ou teríamos que volver coas nosas mercadorías de volta e sen nada a cambio. No principio da historia, o comercio por tanto, sempre se ten caracterizado por basearse no que máis tarde foi nomeado como a oferta e a demanda. Non existe ningún produto xenial se non é demandado e non existe ningunha mercadoría deficiente se esta é demandada por un sector amplo da cidadanía. Por mos das dificultades en equilibrar o que eu oferto e o que ti me das, apareceu a moeda. Con ela as relacións comerciais cambiaron. O que estaba enfronte non era tan importante, xa que eu podía deixarche un produto sen que ti me tiveras que dar outro. Más tarde apareceu outro concepto como foi a divisa. É dicir, se queres comerciar na miña zona e eu non teño a mesma moeda ca ti, tes que deixarme algo que para min teña o mesmo valor se queres que che compre algo. Alá polos séculos XII e XIII apareceron os conceptos de notas promisorias e letras de cambio, que axilizaban as transaccións e facían máis doado o intercambio comercial. E claro, chegaron os bancos, cando había que ter un lugar onde acumular o ouro que xa era imposible telo o bo recado polas cantidades que se utilizaban. O comercio, como se pode ver na bibliografía xa editada, foi evolucionando e foi modernizándose até acadar os niveis de sofisticación e modernidade que ten hoxe en día. Estamos asistindo nos nosos días ao boom do comercio online e aos envíos masivos a través de plataformas loxísticas, que fan desaparecer o intercambio natural e a relación persoal entre as dúas partes. Se analizamos na historia comercial, veremos que en todas as etapas da evolución das transaccións de mercadorías, tivo gran importancia a relación persoal. Moitas das grandes operacións se teñen caído e non facerse realidade por antipatía ou por desavinzas entre as persoas que tiñan o encargo de levalas a cabo. A comunicación facilita as relacións entre todos nos. E no só se trata de falar, escribir, ou ler. É moito máis que iso. A comunicación consiste en saber escoitar, de entender o que se di e, último pero non menos importante, saber entender a comunicación non verbal. Comunicar, e comunicar ben, se ten convertido hoxe na biblia do comercio e na biblia dos que aspiran a que os seus produtos cheguen a introducirse nos fogares, e cheguen a converterse en necesarios. Aquí esta outra das claves, facer ver aos nosos clientes a necesidade do que vendemos, facer ver que o que lles ofertamos vai a mellorar a súa visa e a súa forma de existir. A comunicación directa que temos cos que nos visitan, é a nosa mellor arma para combater todo o que nos ameaza. A comunicación persoal ten que ser a nosa tarxeta de visita, que se garda nun peto e que constantemente estamos sacándoa. A relación persoal e o que ofertamos é a nosa fortaleza. O outro día alguén me mandaba unha información dicíndome que en certo supermercado de ámbito nacional, fora a mercar verdura e non tiñan ningunha. Fora a preguntarlle ao encargado e díxolle que era a causa do temporal de frío en Madrid. Non dubidei nin un minuto en chamarlle parvo, aproveitei para indicarlle que si fora ao mercado ou a unha froitería do barrio, ía atopar verdura, fresca e de calidade sen ningún problema. Claro, non se dera conta diso. Ás veces deixamos de comunicar o que nos parece demasiado evidente. Deixamos de falar de nós e do que ofertamos porque cremos que xa é sabido. Pois non. Non debemos de deixar de insistir o que nós ofertamos e os outros non son capaces. Temos que crear a necesidade nos nosos produtos e en nos mesmos. Temos que reivindicar tamén diante dos nosos clientes que o as nosas palabras e as nosas atencións son máis valiosas que as teclas dun ordenador cando compramos por internet. Desde os tempos máis antigos as transaccións comerciais téñense feito a base dos intercambios e das relacións persoais. Desde os tempos máis antigos, eran as persoas as que presentaban os seus produtos e que establecían as pautas para o intercambio. Vendamos, polo tanto, a esencia do verdadeiro comercio e a esencia do que somos e do que valemos.