Aquí Teis recomenda lectura para o verán

Velaquí unha serie de libros que nos parecen interesantes para este tempo de lecer no que temos máis tempo e podemos dedicarlle un rato á lectura. Actividade sempre interesante e que nos fai imaxinar outros mundos e outras realidades.

El viento conoce mi nombre
Isabel Allende

Pasado e presente entrelázanse nesta novela para relatar o drama do desarraigamento e a redención da solidariedade, a compaixón e o amor. Unha lectura actual sobre os sacrificios que ás veces os pais deben facer polos seus fillos, sobre a sorprendente capacidade dalgúns nenos para sobrevivir á violencia sen deixar de soñar, e sobre a tenacidade da esperanza, que pode brillar mesmo nos momentos máis escuros.

 

Últimos días en Berlín
Paloma Sánchez-Garnica

Cando Yuri Santacruz asistiu ao nomeamento como chanceler de Adolf Hitler, non podía imaxinar o moito que cambiaría a súa vida en Berlín. Chegara alí uns meses atrás, despois de fuxir, xunto con parte da súa familia, de San Petersburgo, asfixiados por unha revolución que os deixaba sen nada. A Yuri tamén o privou da súa nai e o seu irmán pequeno, a quen as autoridades rusas non permitiron a saída do país.

 

Xoán, Xoana
Francisco Castro

XIX Premio de Literatura Infantil e Xuvenil
“Pura e Dora Vázquez” 2022. Xoán non é Xoán: é Xoana.
É tan difícil de entender?
Vai ter que xogar o partido de fútbol máis difícil da súa vida. Unha batalla contra Os De Atrás, eses que non queren que as persoas sintan en liberdade.

 

O libro e o tapiz
Xabier Paz

Entre os séculos XI e XII as figuras da raíña Urraca I e do arcebispo Diego Xelmírez enchen un tempo decisivo na nosa historia.
Daquela, Galiza foi resgardo seguro da cristiandade ibérica, lugar onde se criaban os fillos dos reis.
Nesta novela, ademais dos sucesos históricos e dos personaxes creados pola historiografía dominante, asoman os seres humanos que só a literatura é quen de revelar.