A volta ao cole

Un ano máis nas primeiras semanas de setembro se produce a grande transformación do noso barrio, como a de todos os barrios. Un ano máis as rúas silenciosas e case que desertas pasan a ser as rúas buliciosas e cheas de autobuses. Os pais e nais ultimando todo o preciso para que non falte nada e os máis pequenos e pequenas co sorriso na súa faciana por chegar ao momento de atoparse cos seus compañeiros e compañeiras. Pero diante da ledicia que produce un novo comezo e unha nova andaina pola senda do ensino, tamén están as reivindicacións históricas ou as queixas que un ano e outro tamén poñen enriba da mesa os distintos axentes educativos. Este curso o denominador común en todos os lugares está sendo a falta de alumnado na etapa de Educación Infantil. A baixa natalidade está repercutindo no descenso de matriculacións co risco de peches de aulas que isto trae consigo. Outro curso marcado tamén pola novidade nos curso pares xa que o igual que se fixo o curso pasado cos impares, téñense que adaptar á nova LOMLOE. Cambios de novo nos libros de texto e de novo unha forte subida nos prezos do material e dos mesmos libros, que fan moi complicada esta volta ao cole para as familias con menos recursos. A todo isto se suma as continuas demandas do profesorado. Seguimos a escoitar, e con razón, que non se está a aproveitar a baixada da natalidade para facer efectiva a medida da baixada dos cocientes que sen dúbida elevarían a calidade do ensino. A menos alumnado por aula maior atención e maior atención personalizada nos itinerarios educativos. Outro punto de atención merecen o alumnado con necesidades especiais que en moitos casos non contan cos profesionais precisos para dar resposta a estas necesidades. É imposible que con 25 ou 30 alumnos por aula os profesores poidan atender a aqueles alumnos ou alumnas que polas súas características precisan dunha atención máis personalizada. Son moitas as materias que quedan pendentes por solucionar se en verdade queremos que o noso sistema educativo se poida cualificar de moderno, eficaz e resolutivo en canto a acadar os resultados que todos os pais e nais agardan nunha sociedade que se chama moderna e que sen embargo parece que non ten dentro das súas prioridades o ensino. Unha sociedade na que os mestres e profesores non teñen a consideración que merecen non pode avanzar polos camiños da transformación e da eficacia académica. En moitos casos a desatención aos piares básicos que configuran o futuro dos nosos mozos e mozas parece algo que non ten ningún sentido. Noutros casos os escasos recursos que a este ámbito se dedican parecen indicar que o ensino de calidade non interesa e mesmo que se despreza polos poderes públicos. Cando escoitas cifras millonarias que se dedican a outros elementos da nosa sociedade, quédanos o interrogante de que é o que verdadeiramente interesa. A comunidade educativa está a demandar dunha vez por todas un gran pacto educativo que non leve a cambiar de sistema dependendo das cores políticas de quen goberna. Un gran pacto de estado que leve a considerar o ensino o igual que a sanidade ou a atención social os elementos esencias para o avance da colectividade. Un gran pacto que axeite a Formación Profesional cos intereses empresariais para a procura dun mercado laboral axeitado a demanda actual. En definitiva neste novo curso que agora comeza sería bo que reflexionaramos sobre a verdadeira importancia de dotarnos dun sistema educativo que nos leve á formación integral das persoas, desde a igualdade de oportunidade e desde a atención personalizada do noso alumnado. O avance dun país, dun estado ou dunha colectividade ten que comezar á forza por establecer desde as máis pequenas idades todo os instrumentos precisos para que se acaden os obxectivos que a miúdo se propoñen que en moitas ocasións se quedan nos caixóns ou na irresponsabilidade dos que seguen a crer que o ensino non aporta nada. Desexamos desde aquí un bo inicio de curso a todo o alumnado, a todos os pais/ nais e a todos os profesionais do ensino, pese a estas dificultades e pese a incomprensión de moitos e moitas que teñen o deber de loitar por un futuro mellor para todos e todas