Transformar unha cidade, transformar os barrios

Non ten dúbida que nos últimos Vigo e as súas contornas están a sufrir un cambio importante. Avanzouse cara unha cidade moito máis comprometida co cidadán e sobre todo avanzouse cara a facilitar a mobilidade dentro dela. Tamén nos nosos barrios pódense ver algunhas humanizacións que fan moito máis doada a convivencia e que configuran novos centros de socialización nos barrios. Este é o bo camiño, pero non podemos levantar o pé. Estamos na boa onda, mais non podemos deixar de seguir neste camiño, se non como pasa sempre todo o feito se desandará e non tería servido para nada. Agora toca reivindicar tamén aquelo que aínda está por vir. A nova biblioteca, as pantallas acústicas para a AP 9, maior persoal no centro asistencial e no centro de saúde, a revitalización da zona comercial con algún aparcadoiro…. Toca agora que se acercan as eleccións e como veciños e veciñas somos quen de analizar o que se ten feito, pero tamén o que queda por facer. A transformación dunha cidade e dun barrio non se fai nin en catro nin en dez anos, é un labor de por vida. Diciamos antes que estamos no bo camiño, pero tamén temos que dicir que sen a complicidade da propia sociedade e sen a aportación de todos e todas, dificilmente se conseguirá. Transformar un barrio significa dotalo de todo aquelo que precisa, asegurar a súa relación coa propia cidade, ter en conta a súa poboación e articular medidas para que aumente a calidade de vida no mesmo. Todo isto é obriga das administracións e despois o mantemento desta calidade e desta realidade tócanos a nós. Poñer en valor o que temos, coidalo e tamén mostralo. Concienciar diariamente da necesidade de colaborar coa contorna e de poñer cada quen o noso grao de area para que nada se deteriore. E socializar no propio barrio. De que vale ter un barrio fermoso se non o vivimos? Hai que facer vida nel, relacionarse coa nosa xente, comprar nos nosos comercios e vivir dos momentos de festa e de ocio que se nos oferten. Estamos no bo camiño, si, estamos avanzando como barrio, si, mais agora toca exercer de veciños e veciñas de Teis e loitar e traballar polo que temos conseguido e por afianzar a nosa comezada transformación. A Asociación de Comer- ciantes e do Mercado, a Asociación de veciños, o plan Comunitario, as Comunidades de Montes, os colectivos culturais e deportivos que temos son piares básicos para o noso crecemento, colaborando con eles estamos tamén axudando a esta transformación que entre todos e todas queremos conseguir. Querémola conseguir para sermos máis veciños e veciñas e para sermos máis de Teis. O camiño que temos andado ata aquí coas súas dificultades e atrancos está tendo os seus resultados, sigamos por esta senda para que pouco a pouco, pero sen pausa, culminemos a transformación real que queremos para o lugar que escollemos para vivir.