Carlos Carrera é unha persoa moi moza que desde hai xa algúns anos emprendeu a viaxe de establecer a súa propia empresa. Veciño de Teis, é todo un exemplo de como desde o traballo, a formación e o esforzo se pode chegar a conseguir as metas que un se propón. Aquí Teis quixo conversar con el para que nos contara como está sendo a súa andaina laboral en Trato Directo.
– Como foron os teus inicios como emprendedor e que che impulsou a iniciar a túa andaina como empresario?
– No ano 2012 traballaba para unha entidade financeira, época na que o sector bancario sofre unha gran transformación aumentando de gran maneira a presión comercial. Nese intre son consciente de que o que fago non me gusta e propóñome unha serie de alternativas, entre elas a docencia, xa que tiña titulación para poder ser orientador laboral. Finalmente, decanteime polo sector inmobiliario xa que dende pequeno tiven habilidades sociais, teño coñecemento en dereito, e experiencia acumulada en entidades financeiras que me permiten pechar o círculo que vai dende incorporar o produto, analizar a propiedade e asesorar o comprador no proceso hipotecario.
– Que foi o que máis che custou e como fuches superando os atrancos ?
– Pois mire, cuestiono moitísimo o sistema educativo. Penso que é unha magoa que soamente se nos eduque en traballar para os demais, e coído un gran erro do sistema non fomentar o auto emprego. Dito isto, os maiores atrancos son o medo e o descoñecemento. Nunca nos educaron para ser emprendedores ou empresarios o fin e cabo, e polo tanto, falta cultura empresarial e coñecemento de cousas básicas e de aí a porcentaxe tan enorme de fracaso en novos empresarios. E todo isto é unha magoa. Teño claro que se hoxe continuase traballando no mesmo lugar que hai doce anos, non tería obtido nin a metade do logrado e, polo tanto, seguiría na “carreira da rata” como diría Kiyosaki.
– Como é a realidade da túa empresa hoxe en día?
– Hoxe somos unha equipa estable de cinco persoas que eu lidero. Innovamos dende o punto de vista da estabilidade profesional con persoal asalariado e formado, algo que nin moito menos esta xeneralizado no noso sector, e aplicamos a máxima do Trato Directo, que consiste principalmente en ir de fronte, falar claro e non crear expectativas erróneas “do que non é”, e dicir, sobrevaloracións de inmobles, ventas en momentos incorrectos, compras imposibles, etc. Nos temos a obriga de saír a rúa cada semana buscando a propietarios que non saben como facer para vender a súa vivenda. Ese é o noso principal día a día.
– O sector inmobiliario é un sector complicado, non?
– O é. Máxime se temos en conta que traballar con persoas é complicado. Porqué o fin o cabo, o noso traballo non son os inmobles en si, senón as persoas. As persoas somos aquelas que engadimos un valor sentimental as propiedades, somos aqueles que pensamos que os papeis xa están en regra cando non o están, somos aqueles que queremos pagar menos a facenda e tamén somos aqueles que as veces nos enfrontamos a parte da nosa familia. En resumidas contas, no inmobiliario é como no fútbol, todo o mundo opina e todo o mundo sabe, e iso, polo xeral é perigoso.
– Desde o teu privilexiado punto de vista, como ves hoxe o mercado tanto de ventas de vivendas como de alugueres?
– O inmobiliario é un sector que nunca deixa de sorprender. Non paramos de escoitar que todo está moi alto e que os pisos teñen que baixar, pero a realidade é que iso non pasa. ¡Neste primeiro trimestre do ano vamos camiño de ter o mellor inicio de ano dentro do noso histórico, e xa van 12! O meu consello é que quen queira mercar que o faga canto antes. O apartado do arrendamento é outro mundo, cunha problemática difícil de resolver.
– ¿Que medidas cres que se teñen que poñer en práctica para que haxa máis facilidades para acceder a unha vivenda?
– Falemos do noso territorio. Levamos anos sen unha política de vivenda nin construción de vivenda social. O último gran desenrolo sería o PAU de NAVIA, na época do bipartito. A solución, baixo o meu humilde punto de vista, non pasa por vivenda social en venta, nin tampouco pola construción de grandes polígonos. A día de hoxe a carencia pasa, de xeito brutal diría eu, na necesidade de vivenda en réxime de aluguer para rendas baixas. ¿Como resolvelo? Coido que non queda outra que construírmola, a poder ser canto antes, e a poder ser non toda xunta nun polígono. Non debemos fomentar os guetos. Concello, Xunta e Estado teñen capacidade para facelo.
– ¿Como estás vendo a futura lei da vivenda?
– Existe bastante inquedanza no pequeno propietario. No campo dos arrendamentos defendo o libre mercado. E dicir, se eu propietario teño una interesada no meu piso que cobra uns 2300€/mes, ¿vai ser o goberno quen me diga que non podo ofrecer un arrendamento de máis de 450€/mes cando esta persoa pode pagalo perfectamente? Falo dun caso práctico da cidade de Vigo de fai escasamente un mes. O problema é que ante a escaseza, as persoas situadas na parte máis baixa do sistema, non atopan vivenda, e a escaseza soamente se suple aumentando o número de vivendas dispoñíbeis, de aí a importancia da política pública de vivenda. Exactamente igual que se fai coa emisión de moeda cando a economía o precisa.
– Como ves o futuro deste sector.
– Nos estamos traballando de forma conxunta con outros actores do sector na profesionalización e regulación do sector. Temos un problema fundamental a hora de atopar xente cualificada e faise preciso ter uns estudos especializados no noso ámbito. Por outra banda, faise necesaria a regulación do sector que impida que calquera persoa poda coller unha carpeta e saír a rúa dicindo que é un axente inmobiliario. Unha vez se regularice, como veñen de facer outros territorios como Catalunya ou a comunidade valenciana, o seguinte paso será prestixiar o noso traballo e tomar conciencia de que a figura do axente inmobiliario é indispensable en calquera transacción, o igual que un non pode arranxarse os dentes so, sen a intervención dun dentista.
– E ti que es de Teis, como ves hoxe a realidade do noso barrio ?
– O barrio está nun momento que poder ser transcendental cara o seu futuro. Falamos, o igual que o resto da cidade de Vigo, dun barrio envellecido. Na axencia, sempre me chamou a atención a cantidade de persoas interesadas en mercar unha vivenda, na primeira conversa te din: “Teis e Travesía de Vigo non”. Esta claro que detrás desa afirmación existe un gran descoñecemento do que é o barrio e o lastre que supón o pasado nas décadas 80 e 90. Pero debemos ser conscientes que nos próximos 25 anos van ser numerosas as herdanzas e, polo tanto, van ser moitas as vivendas que imos querer vender; e aí e onde se fai fundamental prestixiar o barrio, sendo este un traballo entre todos. E tamén, ¿porque non? eu sigo aspirando a peonalización da rúa Sanjurjo Badía, a lo menos nos seus dous tramos máis próximos o mercado, da que coido que é hoxe unha rúa hostil para os nosos maiores.
– Cales son os obxectivos que Trato Directo se propón no mediano prazo?
– Temos a obriga de seguir traballando moito a nosa marca, xa que estamos dentro dun mercado onde hai unha “sopa de letras” moi grande e os propietarios non son quen de distinguir os profesionais do sector do resto de “satélites” existentes. Ademais, dentro da liberdade que da ser unha empresa con éxito no sector, gustaríanos traballar a prol da dinamización da lingua galega no ámbito inmobiliario e ter unha liña de traballo social que favoreza o arrendamento de vivenda a aquelas persoas que chegan o noso pais, persoas que van ser moi necesarias a medio prazo.
