Todos os vigueses e viguesas estamos chamados a votar o vindeiro día 28, se é que non o fixemos xa por correo. Este día exerceremos o noso dereito de poder elixir ás persoas que nos representen nos próximos catro anos para dirixir os designios da nosa cidade e dos nosos barrios. É a festa máis importante da nosa democracia xa que logo seremos nós e só nós os que decidamos que tipo de políticas queremos que se leven a cabo e que tipo de directrices hanse de marcar para beneficio de todos e de todas. É ademais dun dereito unha obriga o acudir o domingo 28 aos colexios electorais xa que sen o exercicio do voto, e sen emitir a nosa opinión non tería sentido un sistema democrático como o que hoxe desfrutamos e que xa nos ten feito esquecer outras épocas nas que a ditadura e o sen sentido dirixían o noso futuro. É momento, pois, de analizar as diferentes propostas que se nos presentan e de analizar as concrecións e realizacións que uns e outros teñen posto en práctica e teñen presentado. Lonxe dos mitins que abundaron e abundarán e lonxe do ruído ambiental e da propaganda, temos que ser quen de discernir as mensaxes para que con responsabilidade e coherencia elixamos o que consideremos mellor para as nosas realidades. Pero non só Vigo, tamén os nosos barrios se xogan o seu futuro, tamén o noso Teis se xoga o seu futuro máis próximo. Polo tanto estudiemos e mesmo investiguemos que están a aportar e que pensan aportar as forzas políticas que se presentan, para o noso barrio. Estudiemos cal ten sido a evolución dos nosos sectores fundamentais e do noso desenvolvemento comunitario e pensemos que teñen aportado uns e outros, para que a nosa decisión sexa cara a quen nos oferte mellor confianza e que nos permita afrontar o futuro con maior seguridade. Desde Aquí Teis estamos convencidos de que os votos dos nosos veciños e veciñas serán sempre votos intelixentes, maduros e responsables; e estamos seguros así mesmo que cando metamos as nosas papeletas nas urnas farémolo pensando só no mellor para a nosa cidade e para o noso barrio. E tempo tamén de re- flexionar e facer historia sobre o que ten acontecido nestes últimos catro anos; anos caracterizados pola pandemia, pola crise e pola guerra e de analizar como ten evolucionado a nosa sociedade a pesares da dificultade e como si situaron uns e outros en tales acontecementos. Así pois agardamos como todos e todas vós que os resultados sexan acertados, e que o que acade a confianza da cidadanía acerte nas súas decisións e no seu rumbo. O seu acerto será a sorte de todos os que formamos esta comunidade de Teis e ese acerto levaranos a seguir medrando como barrio, e a que os nosos sectores tan básicos como o noso comercio, o noso mercado, os nosos colectivos sociais, deportivos e culturais e todo o noso armazón de barrio segan medrando como o teñen feito nos últimos anos. Desfrutade por tanto desta gran festa da democracia que sempre son unhas eleccións e non vos quededes na casa ese domingo día 28.
