Na primeira semana deste mes, a prensa local facíase eco dunha grande noticia para o noso barrio. O Concello realizaba a licitación da tan agardada reforma do noso mercado.
Pois si, a Xunta de Goberno Local aprobaba o proxecto de reforma e a súa licitación por un importe de 1.500.000 de euros do que unha parte importante, sobre 700.000 euros, son axudas que veñen do Goberno de España, a través do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo.
O proxecto aposta por mellorar a accesibilidade coa implantación de escaleiras mecánicas ou un ascensor e a renovación tanto interior como exterior do edificio.
Haberá tamén novos espazos para oficinas e outros usos, así como unha cafetería e salas polivalentes. O prazo de execución se contempla nun período de seis meses.
Tamén destaca a colocación de paneis solares e un xardín vertical.
Desde Aquí Teis, aplaudimos esta realización que non por agardada deixa de ser fundamental para o desenvolvemento do noso barrio, da zona na que se enmarca e sobre todo para o pulo tan preciso para que o noso comercio medre, e que toda a zona do mercado e de Sanjurjo Badía, poida configurarse dunha vez por todas como o gran centro de encontro e de socialización do noso Teis.
Non podiamos deixar de traer a estas páxinas a opinión do actual xerente do mercado, Roberto Giraldez.
– Que supón este anuncio para o mercado en xeral e para os vendedores e vendedoras?
– É unha noticia que acollemos con moitísima satisfacción; levamos máis de seis anos traballando no proxecto de remodelación do mercado.
– Como foi o proceso?
– En principio íanse a acometer unhas reformas no edificio, pero traballamos para que foran máis que iso, xa que nos parecían insuficientes. Coa pandemia paralizouse todo, pero ao mesmo tempo supuxo unha gran oportunidade xa que apareceron as axudas Next-Generations e a través do Ministerio de Industria Comercio e Turismo do Goberno de España e coa axuda do Concello de Vigo, foi posible acometer esta reforma que hoxe é realidade.
– A colaboración de todos foi importante?
– Si claro, fundamental. Os técnicos do Concello puxéronse a colaborar connosco e puidemos presentar un proxecto, que foi aprobado.
Neste proxecto pasouse dos 600.000 euros iniciais aos 1.500.000 de euros e con isto podemos abordar todas aquelas necesidades que non estaban contempladas nese proxecto inicial.
– É moi importante este feito?
– Si. Hai que ter en conta por unha banda que este edificio foi inaugurado en 1944 e que agora mesmo quedou obsoleto. Non temos por exemplo baños con acceso para persoas con mobilidade reducida, e os accesos a planta -1 tampouco cumpren coa normativa de accesibilidade. Con esta reforma imos poder solucionar todo isto.
– Haberá tamén novidades no interior?
– Si, e moi importantes.
Ampliaranse espazos, crearanse outros novos, renovarase o saneamento e reformarase todo o sistema de luminarias que xerará un aforro importante.
– En definitiva un novo aire para o mercado?
– Si, en todos os sentidos, xa que ademais de todas estas reformas que estéticamente lle van dar unha nova imaxe, está tamén que se incorporarán as recomendacións da axenda 2030, xa que logo vaise incorporar a reciclaxe de auga, vaise montar tamén un xardín vertical que controlará a temperatura ambiente no interior do propio mercado e así mesmo se incrementan os espazos de hostalaría co que pensamos que o número de ventas incrementarase.
– Para rematar algo máis?
– Pois só como conclusión que estamos encantados coa nova que acabamos de recibir. Agardamos que se adxudique pronto e que a empresa a que corresponda poida iniciar o máis axiña os traballos. Os comerciantes do mercado e todo o barrio de Teis merecen ter un mercado moderno e acorde coa categoría da nosa barriada.
Totalmente de acordo coas palabras de Roberto. Aquí Teis se suma aos parabéns por esta nova.
E si, claro que si, Teis se merece un mercado axeitado aos novos tempos e que sirva tamén como revulsivo a todo o armazón social e comercial do noso barrio.

