Acontecementos que fixeron historia no noso barrio: afundimento do hidroavión “Dornier 14” en 1929 (I)
O noso historiador e colaborador Avelino Quirós, tráenos hoxe unha historia ben curiosa que fala do afundimento que trouxo consigo a heroicidade de dous nenos de Teis.
Afundimento do hidroavión “Dornier 14” ( I )
O 28 de agosto de 1929, chega a Vigo procedente de Lisboa o hidroavión “Dornier 14” aterrando no medio da ría fronte ao peirao de viaxeiros onde se congregou numeroso xentío.
Máis tarde unha motora da Comandancia de Mariña remolcaríao ata a base Naval de Rios.
O hidroavión pertencía ao aeródromo dos Alcaceres (Murcia), pero neses momentos estaba agregado á base do Mar Moza (Melilla) e a súa misión era dar escolta con outros hidroavións aos iates que participaban na regata Plymouth-Santander.
A tripulación estaba ao mando do comandante Ignacio Hidalgo de Cisneros, capitán Núñez Maza, tenente
Romero, sarxento mecánico Agustín Pérez, sarxento radio-telegrafista Fidel Durán e o axudante mecánico Antonio Santiesteban.
A estancia na nosa cidade era por aprovisionamento para seguir o seu destino cara Santander, facilitándolle o Monopolio de Petróleos 600 litros de gasolina e 200 de benzol.
Despois de todas as comprobacións do estado do hidroavión, téntase poñer en marcha os motores, pero só responde o da parte posterior; despois de varios intentos para facer virar a hélice do motor dianteiro que era o único que funcionaba o aparello, fan que se deslice sobre o auga uns centos de metros, probando a posibilidade de que así acendese o outro motor.
A pesar dos esforzos dos mecánicos o motor dianteiro segue sen responder polo que teñen que forzar o motor, xurdindo unha explosión e un incendio no motor dianteiro do que empezan a saír grandes chamas, obrigando á tripulación a lanzarse ao mar agás o comandante Cisneros que tenta atallar o lume, pero non o consegue e ten que abandonar o aparello.
O despegamento do hidroavión tiña congregado nos arredores a moita xente e persoal militar da Base Naval, que rapidamente saíron en varios botes ao rescate dos aviadores, polo que afortunadamente todos puideron ser levados a terra en bo estado e soamente o axudante de mecánicos, Santiesteban, presentaba lixeiras feridas na cabeza, sendo levado á caixa de primeiros auxilios da propia base.
Aos poucos minutos o hidroavión esta completamente envolvido en chamas e por consello do comandante Cisneros ao comandante de navío e director da base naval Jenaro Eduardo Verdia e Caula, dille que se disparase contra os flotadores para afundilo mais rapidamente e afastar o perigo dunha explosión ao ter os depósitos cheos de combustible.
Días máis tarde téntase subir á superficie os restos do hidroavión, baixando un mergullador da base, a unha profundidade de doce metros, realizando varias ascensións conseguindo subir parte da equipaxe da tripulación e víveres que levaban a bordo como latas de conservas e leite condensada. Unha vez amarado o hidroavión téntase reflotar pero o guindastre da base naval non é suficiente forte para ese traballo polo que é necesario traer unha guindastre flotante do porto.
O aspecto que presenta o hidroavión sinistrado é desolador; os motores están fundidos e a fuselaxe completamente calcinada e retorta que se fai difícil supoñer que eses ferros pertencesen a un hidroavión.
A tripulación estivo a revisar todos os traballos que se realizaron para reflotar o hidroavión coa esperanza de que algúns instrumentos de navegación puidesen salvarse, aínda así sendo todo chatarra foi empaquetado por pezas en caixóns e enviado á súa base en Melilla.
Continuará coa segunda parte: dous nenos de Rios héroes no rescate.

