Comercios con historia en Teis: perruquería Nica

Días atrás saltou a noticia do peche dun dos establecementos con máis soleira e historia do noso barrio.
Pois si, a perruquería Nica anunciaba o seu peche despois de 54 anos prestando os seus servicios a cantas mulleres pasaron por alí.
Aquí Teis non quixo deixar pasar a oportunidade de contactar e conversar con Nieves Paez Carrera, a súa propietaria que tan amablemente contestou ás nosas preguntas.
– Despois de tantos anos cales son para ti os recordos máis positivos do teu establecemento?
– Son as clientas que sempre tivemos e que foron moi fieis a nós, moi familiares; traballamos todo o que puidemos e pouco a pouco puidemos manter este negocio.
– E cales foron segundo a túa experiencia as maiores dificultades ou os peores momentos polos que pasastes?
– Ao principio foi duro. A miña irmá comezou a traballar moi moza e tivo que ir adaptándose pouco a pouco; e tamén a pandemia que fixo moito dano aos comercios en xeral e tamén a nosa perruquería en particular.
– Como definirías a túa clientela e a túa relación con ela?
– A clientela en xeral era do barrio, a nosa relación era moi familiar. Pasando o tempo moitos cambiaron e se foron a vivir a outras partes da nosa cidade e aínda que ao principio seguían vindo co paso do tempo buscaban a comodidade e non volvían.
– E que opinión tes do noso barrio, Teis?
– Que está moi ben, gústame moito, é moi alegre, ten moita extensión que nos permite pasear, ir ás praias.
O barrio ten moitos servicios; temos ambulatorio, mercado, supermercados; temos todo moi cerca e resulta moi cómodo para vivir.
– E non foi posible atopar ningún relevo?
– Pois de momento non; levamos tres meses buscando a ver se aparece alguén que nos substitúa, porque as clientas están moi preocupadas por que pechemos e eu quedaría máis contenta e satisfeita de que seguira aberta. Moitas clientas son maiores e están sentindo moito que non sigamos e están moi tristes. Perden a relación familiar, facemos terapia psicolóxica con eles.
Ou sexa como unha familia.
– Pensas que para rexentar un establecemento
como este hai que ter vocación?
– Si, moita. Moita vocación e moita paciencia e ser moi amables, coidar moito as clientas, mimalas e todo…
– Que plans tes para o teu futuro próximo?
– Pois vivir un pouquiño máis do que vivín ata agora. Porque ao principio traballas, crías aos fillos e non podes desfrutar todo o que quixeras. Agora que me chega a hora da xubilación e quero vivir un pouco esta nova experiencia que chega.
– Que lle dirías a todas as persoas que pasaron pola túa perruquería como
despedida da túa actividade?
– Pois que moitas grazas por os servicios que nos deron ata agora, que foron moi boas clientes, intentamos corresponderlles e que sempre foron moi boas connosco e que nos permitiron poder vivir do noso traballo. Moitas grazas a todas.
Desde Aquí Teis, dá-
moslle moi sinceramente as grazas a Nieves polas súas palabras e por compartir connosco un pouco da súa historia.
Desexarlle o mellor para a súa nova andaina na vida, e oxalá se espalle o exemplo desta muller que entregou máis de media vida a servir e atender desde o seu establecemento a ducias e ducias de mulleres do noso barrio.