Como vén sendo habitual nesta sección, hoxe Avelino Quirós nos trae unha pequena entrevista sobre unha persoa de Teis que é un descendente dun gran personaxe da nosa historia, un personaxe que recreamos unha e outra vez cando celebramos a Reconquista. Velaquí unha pequena descrición de Cachamuíña, antes de plasmar a entrevista que lle foi realizada a Gumersindo Bóveda Canal. Bernardo González del Valle, coñecido como Cachamuíña, naceu en Pereiro de Aguiar na aldea de Cachamuiña no ano 1711 e faleceu un 6 de setembro do ano 1848. Foi militar galego e moi coñecido polo seu importante pa- pel na Reconquista de Vigo en 1809, durante a guerra da Independencia librada contra dos franceses. Foi ferido cando estaba a derrubar a Porta da Gamboa a machetazos. Máis tarde sería nomeado Gobernador da Vila. Comezamos a entrevista con Gumersindo, que como diciamos é descendente del. Con el falamos e contounos cousas da súa vida, pero sobre todo falounos do seu descontento porque segundo nos di, unha vez que os restos de Cachamuíña foron trasladados desde Pereiro ata Vigo no ano 1932, onde repousa no cemiterio de Pereiro, e onde se pode atopar un monólito, que se atopa na entrada a esquerda, o Concello esqueceuse del, e só se lle lembra como un personaxe máis da representación que se fai durante a festa da Reconquista. “Esquecéronse totalmente deste personaxe e do heroe que foi e agora só se limitan a facer unha representación do seu personaxe pero sen lembralo nada máis” . Incluso vai máis alá e coméntanos que deste xeito era mellor que quedara soterrado na súa aldea Cachamuiña. “Alí estaba soterrado dignamente, e traelo para aquí e non haber nin sequera unha estatua… Nin sequera o que coroa á praza da independencia non é Cachamuiña, a pesares dos informe que din que si. O que está alí non é Cachamuiña”. Efectivamente ten toda a razón no que di Gumersindo xa que logo moitos historiadores téñense preguntado porque o militar que coroa a praza dea Independencia é Pablo Morillo, que no ten participado con ningún mérito na batalla pola independencia de Vigo. Preguntámoslle como sería posible resolver en parte este esquecemento e Gumersindo aporta unha idea. “Penso que, xa que non se pode cambiar o personaxe que coroa a estatua da Praza da Independencia, podíase, e non penso que sexa moi difícil, colocar un busto nunha zona lateral da praza, e así lembrar a este gran heroe, que ademais foi o primeiro gobernado desta vila, cando foi nomeada Leal e Valerosa”. Desde Aqui Teis, prometemos trasladar ao Concello de Vigo esta suxestión de Gumersindo. Falamos tamén da súa chegada a Vigo, e de toda a súa familia descendentes deste importante personaxe. “Chegamos a Teis no 1954, aquí nos establecemos e meu pai montou un bar na rúa Sanjurjo Badía e alí aínda reside parte da familia. Pero hai moita máis familia de Cachamuiña, espallada por moitos lugares como Arxentina, Venezuela, Ourense, Vigo…”. Tamén nos conta que parte desa familia se segue xuntando dentro das posibilidades de cada un e celebran estar xuntos e lembrar a este heroe da nosa historia. Falamos se lle faría ilusión que na propia representación da Reconquista algún familiar puidera portar esa machada para derrubar a porta da Gamboa. “Claro que si, seguro que algún mozo ou moza da familia aínda tería forzas para facelo e seguro que nos faría unha grande ilusión”. Pois haberá que, cos organizadores do Casco Vello, ver se houbera algunha posibilidade de facer realidade esta ilusión. Moitísimas grazas a Gumersindo por achegarnos un pouco máis a este personaxe vigués, e agardamos que nalgún momento se teñan en contan estas suxestión que indicaba o noso entrevistado.



