Hoxe quero falar de min, e do que supón ser de aquí, de Teis. Hoxe vou a facer un pouco de bombo para referirme ao noso centro comercial. Si, porque en Teis temos un gran centro comercial que somos todos e todas as que cos nosos comercios constituímos esta gran familia.
Teis sempre foi un dos barrios máis obreiros da nosa cidade, e caracterizado polas súas loitas por conseguiren os dereitos que lles correspondían. A expansión debeuse sobre todo a súa actividade industrial baseada nas industrias que tiñan relación co mar. Estas industrias favoreceron un rápido crecemento demográfico.
Hoxe orgullosamente podemos dicir que temos unha ampla zona comercial, que abarca desde Sanjurjo Badía as rúas adxacentes como a Avda de Galicia, Dr. Corbal, Purificación Saavedra, Enrique Lorenzo… entre outras.
A asociación de Comerciantes creouse no ano 1980 e desde aquela veñen realizando un conxunto grande de actividades encamiñadas a fortalecer e potenciar a actividade comercial.
Se teñen pasados momentos malos, como os da pandemia, momentos de crises, pero hai que salientar o esforzo e o sacrificio dos nosos comerciantes para seguir adiante.
Outro dos nosos máximos tesouros é sen dúbida o noso mercado. Un mercado tradicional ao que hoxe mesmo, visitan moitos veciños e veciñas.
Un mercado cun peixe exquisito cunhas carnes de altísima calidade e cunha oferta de froitas e hortalizas do máis variada e de contrastada excelencia.
Un mercado que sempre foi referente de Teis e que se convertía antigamente nun lugar de encontro e de convivencia social, entre os veciños e veciñas daqueles tempos.
Un total de 55 comerciantes nos dan o mellor deles mesmos para configurar un mercado atractivo e moi próximo ás necesidades do barrio.
Contando ademais cos servicios de cafetaría, supermercado entre outros
E como non destacar ás nosas xentes. Xentes, como xa dixen, traballadoras, e cun recoñecido prestixio de sacrificio, enteireza e de compromiso de barrio, e compromiso social.
Non adoitamos moito a falar de nós mesmos, pero non deixa de ser unha boa terapia para reflexionar e lembrarnos do moito que como sociedade conseguimos, e do pouco que fai falta para que nolo arrebaten.
Así que amigos e amigas do noso comercio, a seguir traballando, a seguir xuntos para seguir sendo esa zona comercial que terá que ser unha zona atractiva e que sexa referencia da nosa puxanza como barrio e como colectividade.
