O noso xornal

Sempre intentamos desde este medio, dar cabida aos intereses, preocupacións e dar a voz aos veciños e veciñas do noso barrio e aos seus colectivos.
Levamos xa unha longa andaina de case que tres anos, intentando informar e ilustrar todo aquelo que acontece en Teis.
O comercio, o noso mercado, os nosos colectivos culturais e deportivos, a Asociación de veciños e veciñas, a Asociación de comerciantes…
Todos os que viven en Teis e teñen algo que aportar terán sempre un oco no noso xornal.
Non é doado manter un medio de comunicación como este, sen case que publicidade, co traballo de persoas que non son profesionais, pero pode moito máis a ilusión e o reto de ter un medio propio, do noso barrio e que fale daquelas cousas que nos interesa.
Despois destes anos, seguimos pedindo a vosa axuda, para que nos enviedes todo aquelo que queirades que saia, para que nos contedes o que ides realizar ou o que xa fixestes. Que nos axudedes a encher de contido próximo as nosas páxinas e os nosos espazos.
Aos colectivos e comerciantes pedimos que nos utilicedes, para as vosas campañas ou para promocionar os vosos eventos, para incidir na necesidade de formar piña en torno ao noso barrio e para impulsar calquera actividade que poida ser positiva para todos e todas.
Tamén queremos ser reivindicativos e por iso tamén abrimos Aquí Teis á critica e as opinións discordantes co establecido e queremos por riba de todo sermos un medio plural e onde calquera opinión emitida con respecto teña cabida.
Tamén os pedimos que se queredes promocionar o voso negocio ou actividade empresarial contedes con estas páxinas e de paso nos botades unha man na supervivencia deste medio de comunicación.
Medio que non ten máis obxectivo que dar resposta as necesidades que atopemos no barrio. Un medio moi modesto pero cheo de inquedanza e cremos que de futuro. Se queredes participar creando unha sección; se queredes que se trate algún tema en concreto, non dubidedes en poñervos en contacto connosco e faremos realidade o que pidades.
Soñamos con durar outros moitos anos máis para poder seguir apostando polo noso e polas nosas realidades, soñamos con conseguir un medio onde cada vez máis veciños e veciñas colaboran e soñamos con que Aquí Teis sexa un medio que pidades nas cafeterías, nos comercios e que demandedes que o teñan.
Afortunadamente o noso Concello entendeu a necesidade deste medio e nos está brindando un apoio sen o que non existiríamos. Temos que agradecerlle que a cambio de nada nos axude a manter este medio de comunicación.
Agardamos que siga esta colaboración para o ben da información do noso barrio, aínda que non dubidamos que así será.
Tamén agradecemento a Asociación de Comerciantes e do Mercado que é o verdadeiro soporte deste medio e que desde o primeiro momento promoveron a iniciativa e están sempre buscando noticias e dándonos toda a información que precisamos.
Grazas aos nosos colaboradores que mensualmente nos envían as súas seccións que tanto nos ilustran. Ogallá cada vez sexades máis os que enchades a lista destes colaboradores e colaboradoras.
Grazas aos que mensualmente nos ledes e estades pendentes das nosas cousas.
En definitiva grazas Teis por ser como somos e por ter a puxanza que sempre nos levou a sermos un gran barrio, unha gran comunidade e unha grande contribución á nosa cidade.
Por todo iso Aquí Teis.