Os veciños de Teis opinan sobre temas de actualidade: a cesta da compra

En aquí Teis sempre nos gusta o contacto cos nosos veciños e veciñas, para poder pulsar a realidade do que está a acontecer polo noso barrio. Neste número quixemos charlar con algunhas persoas sobre o que non deixa de ser un problema nos últimos meses: o prezo do alimentos e da cesta da compra. Hai semanas o goberno anunciaba a rebaixa do IVE nalgúns alimentos, e quixemos saber se estas medidas están ou non a producir efecto nos prezos. Velaquí o que lles preguntamos e o que nos contestaron. 1.- Cre que coa baixada do IVE nalgúns produtos, os prezos tamén baixaron? 2.- Cales son segundo o que pensa que se debería facer? 3.- Cústalle chegar a fin de mes?

Digna Villar Álvarez

1.- A verdade é que non estou a comprobar que baixaron; mais ben me parece todo o contrario, cada vez que baixo a mercar vexo que as cousas están máis caras.
2.- Non o sei moi concretamente, pero creo que se debería facer algo e moi urxente, se non o malestar vai seguir aumentando.
3.- Teño a sorte de que non me custa moito chegar a fin de mes, porque non fago moitas cousas, pero o que máis me costa é a alimentación; onde máis cartos gasto é na cesta da compra.

Juan Pintado

1.- Non, non están baixando e o problema esta nos produtos básicos.
2.- Apertar ás plataformas alimentarias para que reduzan as marxes de ganancia. O problema non está no produtor, senón nos intermediarios que son as plataformas.
3.- Afecta todo. Eu que son comercial me afecta o gasóleo, as comidas fóra da casa, o gasto de alimentación na casa; si que custa si, porque as ganancias son máis pequenas e os custes moito máis elevados

Ángel Ferreira Freire

1.- Creo que non baixaron, por exemplo o pan, un alimento tan básico en vez de baixar subiu, isto comprobeino nalgunhas panaderías.
2.- Pois apertar as empresas grandes, centros comerciais como Carrefour, Alcampo, Mercadona… a esas grandes superficies.
3.- Home o que máis me afecta para chegar a fin de mes é a alimentación, o combustible, o butano… E que subiu todo unha barbaridade; antes ías a compra con 50 euros e aínda facías unha compra xeitosa; agora fanche falta uns 100 para a mesma compra.

José Collazo Rivera

1.- O único que podo comprobar e comprobo e que os prezos subiron un 10 ou un 15% desde antes do decreto do goberno.
2.- O goberno penso que ten pouca marxe de manobra porque eu creo que é imposible que tome unha determinación que lle poida meter man aos prezos dos grandes supermercados.
3.- Grazas a deus coa miña situación chego bastante ben, pero coñezo moita, moita xente que o está a pasar mal porque ten moitas necesidades na casa, con fillos que non traballan e lles custa moito chegar a fin de mes.

Ramón Pais Martínez

1.- Non, por desgraza non baixaron e a xente non ten maneira de demostralo.
2.- Aínda que poida parecer unha hipótese moi rebuscada, debería poñer mercados para todos os públicos de España, ou votar todos a un partido político que non teña motivos económicos nin cos bancos nin coas grandes empresas.
3.- Por fortuna na miña situación non me podo queixar e os meus fillos traballan, pero hai que recoñecer que debe ser moi duro para a xente que ten as pensións mínimas e que tal e como están os prezos se lles ten que facer moi difícil.

Cales son as conclusións?

Aí están as conclusións. Non estamos a percibir que os prezos baixen. Pídense medidas que leven a que as grandes plataformas axusten os seus prezos. Hai moitas familias que o están a pasar moi mal e que lles custa chegar a fin de mes. Confiemos en que pouco a pouco esta situación mellore e que a crise e a inflación vaian decrecendo e poidamos recuperar o poder adquisitivo doutros tempos. Moitas grazas pola vosa opinión.