Comprácenos traer hoxe ás nosas páxinas un importante logro dun dos centros educativos con máis traxectoria dentro do noso barrio.
Semanas atrás, a prensa local fíxose eco do importante logro acadado por este centro, situado no barrio das flores.
Despois de moitos esforzos e moitas horas de dedicación, un dos programas estrelas deste centro, a súa orquestra “Son das Flores”, poderá facer realidade o seu soño de poder tocar na capital do estado. Algo que case deran por descartado, pero que grazas á colaboración do Concello de Vigo e da Consellería de educación vai ser posible.
Diante deste importante fito para a historia deste centro, quixemos poñernos en contacto con Sandra Fernández Fernández , a responsable do grupo “Son das flores”, e mestra de música do centro, para que nos contase algo máis deste feliz proxecto. Un proxecto que como ela mesma nos di se puxo en marcha no curso 2021/2022.
– En primeiro lugar, o de “Son das flores” ten que ver polo barrio onde estades inmersos o centro educativo?
– Pois si, eliximos ese nome polo de “son” como pertenza a este barrio e son como “sonido” das flores que son os nosos nenos e nenas, pois para este centro unha das nosas riquezas é a grande diversidade que temos. O noso cole querémolo ver coma un xardín onde cada un ten moito que aportar, e entre todos e todas logramos poñer o colorido e a riqueza do que día a día aportamos.
– Con só un ano de historia estades conseguido metas impensables; de cantos nenos e nenas está composto este “Son das Flores”?
– Na actualidade son 40 nenos e nenas, o que supón o 50% do noso alumnado de primaria; xa que o noso cole é un cole pequeniño, con moita rotación por diversas situacións familiares, de procura traballo e demais. Esta rotación tamén se reflicte na orquestra que oscila dependendo dos momentos, pero sempre andamos nesas cifras.
– Tedes feito un taller para facer os vosos propios instrumentos, non?
– Si, así foi como comezamos.
Foi un grande éxito. Foi un momento moi fermoso; conseguimos unir ás familias ao noso centro e levounos á satisfacción de ver como os nenos e nenas sentían a axuda dos seus pais e nais. Foi moi ilusionante. Non tiñamos medios para ter os instrumentos e fixémolos con cartón entre todos e todas. Ademais de personalizados cada un.
– É unha mostra máis da importancia que lle dades á diversidade.
– Pois si, con todo isto tamén queremos demostrar a importancia da diversidade que temos no noso centro e que nos enriquece día a día.
– Explícanos como é ese proxecto da viaxe a Madrid. Pensamos que foi toda unha sorpresa cando vos dixeron durante a actuación no Centro Cívico que podiades viaxar.
– Pois mira, coincidíronnos dúas actuacións en Madrid na mesma semana, unha en 14 de xuño e outra o 15. A actuación do 14 de xuño era co gallo do X aniversario da fundación Acción pola música, e invitábannos a participar no seu festival, nada máis e nada menos que no Auditorio Nacional na súa sala sinfónica.
Isto para nós era un soño e estivemos a preparar o noso repertorio.
– E que pasou?
– Ben, hai que dicir que este é un proxecto social e que se mantén coa colaboración de moitos voluntarios, coa xenerosidade de moitos particulares, coa colaboración altruísta de profesores, pero a verdade é que cartos, cartos non tiñamos. Conseguimos algo dalgúns particulares ou de fundacións como a Pandeia; pois ata o día do concerto en Teis non tiñamos asegurados os cartos, porque mover a unha orquestra de 40 nenos é moi custoso.
– E tivestes que descartar as actuacións?
– Si, dúas semanas ante xa desbotáramos a do Auditorio Nacional porque supoñía quedar moitas noites en Madrid, pero nos quedaba a outra actuación na que os nenos estaban moi ilusionadas; pedimos axuda ao Concello e a Consellería e precisamente a semana pasada nos confirmaron que si nos ían a apoiar.
E por iso marchamos o 14 e volveriamos o 16*. A viaxe xestiona o concello pero a Xunta tamén vainos a dar unhas partidas para o mantemento da orquestra para o curso que vén.
*A entrevista realizouse dous días antes da saída para Madrid.
– Por fin se fixo realidade ese soño.
– Pois si, por fin se fixo realidade despois de dous anos.
Nota de redacción: Cando estabamos celebrando esta entrevista entrou unha nena de 3o de primaria con 8 aniños que nos interrompeu dicindo en alto “ Profe só faltan dous días”.
– Vese a ilusión que lles fai.
– Si, fixarvos que nesta orquestra hai nenos desde os seis anos ata os 12-13; de feito hai nenos que saen do colexio e piden seguir.
– E o futuro?
– Pois a verdade e que vendo que imos tendo axuda estámonos a propoñer abrir este proxecto máis alá do propio colexio. Poder contratar ao profesorado para darlle unha calidade formativa aos nenos. Eu son positiva en tanto a que este proxecto se poida abrir ao barrio, porque pensamos que é un labor moi importante no social.
A verdade é que sí, estamos diante dun grande proxecto no noso barrio, que nace dun centro educativo; comprometido co seu entorno e cunha grande iniciativa educativa.
Parabéns polo tanto a este centro do CEIP Vicente Risco. Un centro público onde a diversidade e a educación en valores están día a día presentes. Un cole de Paz e Amor como moitos o describen.
Que sigan mostrando ese cariño e dedicación polo ensino e polos nenos e nenas que alí conviven.
E grazas por atender a chamada de Aquí Teis.
