Non saberemos cando cerremos esta edición de Aquí Teis como foron os resultados das elección xerais nin tampouco como se configurarán os pactos para establecer o novo goberno no Estado Español. O que si sabemos é que xa temos constituída a nosa corporación municipal, que repite co mesmo goberno e co mesmo Alcalde. Tamén sabemos que a Deputación terá novos inquilinos, e seguimos sabendo que a Xunta a lo menos durante uns meses tamén vai seguir nas mesmas mans. Constituído todo isto, toca agora que todas as institucións que se involucran na gobernabilidade das nosas cidades, dos nosos territorios e da contorna que temos máis próxima, se empeñen na tarefa de facer realidade aqueles proxectos que todos teñen prometidos e que sen dúbida son precisos para que poidamos seguir avanzando. No caso de Vigo, queda claro que o PXOM é un instrumento absolutamente necesario para que poidan avanzar as infraestruturas que precisamos para crear máis chan industrial, máis postos de traballo e sobre todo máis vivendas que fagan que poida haber máis oportunidades para aqueles e aquelas que queiran achegarse a ter un vivenda, xa sexa en propiedade ou en aluguer. A cidadanía obriga a que as diferentes forzas políticas se poñan de acordo sempre que sexa polo ben xeral. Co paso do tempo vai quedando claro que aqueles políticos que se teñen configurado por lograr o consenso sempre teñen mellor valoración. O PXOM polo tanto hai que quitalo do debate partidista, para que sexa unha conquista cidadá. Outros proxectos que nos interesan e están aí son por exemplo a AP-9. Unha autoestrada que xa tiña que ser declarada hai moito tempo como vía urbana ao seu paso por Teis. Unha autoestrada que tiña xa que estar liberada de todo tipo de peaxe. Un proxecto esencial para que se poida acometer a humanización e posterior remodelación da nosa vía principal, Sanjurjo Badía e que sería clave para o relanzamento que estamos agardando para o noso comercio e para o noso mercado. A biblioteca , é outra vella reivindicación que agardamos que sexa nesta lexislatura actual cando se poida facer realidade. Confiamos no Concello e agardamos que desta vaia. Aplaudimos desde aquí cando se fixo a presentación; aplaudiremos desde Aquí Teis a súa inauguración, pero tamén demandaremos e criticaremos un novo incumprimento. A ETEA é outro dos proxectos que cómpre avanzar dunha vez por todas. Un proxecto que ten que facer realidade o Campus do Mar e todos aqueles complementos que desde o que o Goberno Galego teñen prometido; ten que iniciarse xa para servir de dinamizador de toda unha zona sensible para o noso barrio e para o seu futuro expansivo. E a rexeneración do noso litoral, o coidado das nosas praias e do noso monte; o coidado en xeral das zonas que nos sirve de espazos de esparexemento que son verdadeiros pulmóns das nosa vidas. Hai que coidar aqueles lugares nos que convivimos día a día e que serven de canles para a socialización e os encontros veciñais. Pois ben, comeza unha nova andaina nas distintas institucións que van a dirixir os designios das nosas cidades, das autonomías e do Estado en xeral. Confiemos que abandeirados polo noso Concello e da man da Xunta, Deputación e Goberno Central , poidamos ver convertidos en realidade eses proxectos que sen dúbida van facer do noso barrio un barrio mellor e da nosa cidade unha cidade que siga medrando como ata agora na súa calidade de vida e na súa autoestima como referente para todos e todas.
