Queda moito que mellorar

Hoxe, neste número, o noso editorial ímolo dividir en tres temas que están sendo de actualidade e dos que se vén falando (por desgraza moito e desde moitos puntos de vista). Coa saúde non se xoga Nas últimas semanas teñen acontecido na nosa comunidade, noutras e na propia capital do Estado, sendas manifestacións moi concorridas, nas que as persoas que asistían reclamaban unha sanidade pública, universal e de calidade. Unha sanidade como a que merecemos todos e todas. Hai anos presumiamos de ter unha boa sanidade, de ter unha boa atención nos chamados entón ambula- torios e ata de non ter que agardar moito tempo para realizar unha intervención cirúrxica. Pero chegaron os tempos do liberalismo económico da chamada globalización e da moda da externalización de servizos básicos en mans doutras empresas. A sanidade que se vén xestionando en Galicia nos últimos anos é un claro exemplo disto. Ao poñer en mans privadas os servicios que se deberían ofertar directamente desde as administracións estes buscan primeiro o rendemento económico por riba da calidade no servizo. O desmantelamento ade- mais da sanidade estase dando tamén pola falta de profesionais que atendan aos centros de saúde, primeira instancia onde as persoas acoden para as súas doenzas. Asistimos en moitas vilas e pobos do noso país e mesmo nas grandes cidades de centros de saúde onde faltan pediatras desde hai moitos meses, e onde os médicos e médicas teñen un número de pacientes para atender que fai imposible a calidade asistencial e persoal. Na maioría deses centros non volvemos aínda a situación que tiñamos antes da pandemia e seguen sendo case que obrigatorias as consultas vía teléfono ou mesmo as conversas cunhas máquinas falantes cando se quere consultar algunha particularidade da nosa saúde. E que dicir das famosas listas de agarda. Para pedir por exemplo unha ecografía estanse tardando entre sete e oitos meses, e para unha intervención cirúrxica de traumatoloxía de máis dun ano. Non, non nos meremos estes constantes recortes no noso sistema sanitario, e ben faría a Xunta de Galicia en escoitar a eses milleiros de persoas que saíron a rúa para reclamar que queremos unha sanidade de calidade, porque como dicimos todos e todas, coa saúde non se xoga. Violencia machista Pasan os meses, pasan os anos, e unha e outra vez segue golpeándonos, como se dun gran mazo se tratase, os horrendos e terribles episodios de violencia machista contra as mulleres. Dá igual que muller sexa, de onde sexa, cal sexa a súa raza; dá igual todo porque o que queda é a rabia, a indignación e a impotencia diante dun mal que axexa á nosa sociedade coma se dun virus asasino se tratase. Nestas últimas semanas tocounos de cerca; na vila de Baiona era asasinada Beatriz, unha muller loitadora que se fixera así mesma e que tiña dous fillos de sete e nove anos, que foron testemuñas da crueldade sen límite e da barbarie con rostro dun home que non tivo compaixón de nada nin de ninguén. 47 anos que se foron ao traste por mos ra imbecilidade humana e da estupidez de quen pensa que as mulleres son propiedade natural dos homes, e de quen actúa coa premisa de que se non comigo, con ninguén. Este home tamén de 47 anos matou a súa ex-parella seica por uns problemas da custodia dos fillos. Pero é que pode haber algunha razón que poida xustificar asasinar á nai dos teus propios fillos? Pode haber algunha razón que xustifique esta criminalidade? Nas primeiras horas este señor, por chamarlle algo, foi avaliado polos servizos psiquiátricos para comprobar se estaban as súas facultades mentais en orde. Desde aquí nos preguntamos se non sería preciso que analizáramos as facultades mentais dunha sociedade que permite que unha e outra vez se cometan estes asasinatos e non sexamos capaces de poñer remedio a unha lacra social como esta. Hoxe en día que a intelixencia artificial está tan en boga, e que cando entramos nun comercio inmediatamente Google o sabe, non podemos dar coa tecla para eliminar toda ameaza para aquelas mulleres que se senten acosadas e que temen pola súa vida? Beatriz é outro exemplo claro de que a nosa sociedade falla calamitosamente cando se trata de acometer unha clara acción de Estado, na que se poñan todos os medios precisos e todos os recursos necesarios. Uns datos a ter en conta: nos últimos dez anos de ETA (2000-2010) esta banda cometeu en total de 68 asasinatos. Todo o aparato do estado e todas as forzas de seguridade se puxeron en marcha ata que se conseguiu acabar coa actividade desta banda e o seu paso á política pacífica. Pois ben neses mesmos anos en España se cometeron (datos do Instituto Nacional de Estadística) nada máis e nada menos que 599 asasinatos machistas. Nos últimos catro anos (2019-2022) cometéronse 201 asasinatos machistas. Son datos que nos poñen os pelos de punta a calquera. E non se entende que con estes números non se poñan todos, todos os medios para acabar con esta lacra. Gran traxedia en Turquía e Siria Son tremendos os núme- ros e as imaxes que nos chegan destes dous países nos que se deron os grandes terremotos que acabaron coa vida de miles e miles de persoas. As testemuñas que podiamos ollar polos medios de comunicación eran abraiantes, pobos enteiros soterrados e miles de persoas debaixo dos escombros. A axuda internacional mobilizouse e de seguido comezaron a chegar voluntarios e voluntarias de moitos países para axudar cos labores de rescate. Unha vez máis puidemos tamén descubrir a especulación en forma de morte, si a especulación que permitiu que moitos dos edificios se viñeran abaixo mentres outros ao seu lado permaneceran en pé. As autoridades turcas anuncian agora unha investigación, pero xa é tarde no mesmo primeiro mundo, Turquía pertence a Unión Europea e parece incrible que poidan pasar esta cousas. As causas naturais e os fenómenos naturais non se poden prever, pero si os seus danos e as súas consecuencias. Outro tema distinto témolo en Siria, as axudan non chegaban e dicían que era culpa dos bloqueos internacionais. Ou sexa, morría xente e a comunidade internacional non era capaz de esquecer cuestións políticas e poñerse mans á obra como si se fai, por exemplo, nun conflito bélico como o que esta acontecendo en Ucraína. O editorial deste número de Aquí Teis quixo tocar tres temas que nos deben concienciar a todos e que nos deben facer pensar que neste mundo tan “civilizado” no que vivimos queda moito, moito que mellorar.