Relatos e outras cousas de Teis

Ser deportista en Teis “O deporte ten o poder de transformar o mundo. Ten o poder de inspirar, de unir á xente como poucas outras cousas… Ten máis capacidade que os gobernos de derrubar as barreiras sociais”. (Nelson Mandela). O deporte no noso barrio sempre foi unha constante de vida. Nos nosos colexios, nos campos, nas rúas. Sempre tivemos actividade deportiva, unhas veces de xeito espontáneo ou como ía xurdindo, e outras polo labor desinteresada de moitas persoas que no seu día a día dedicaban o seu tempo a configurar clubs, ou a crear entidades que ofertaban deporte popular para todos e todas. En todas as culturas e en todas as civilizacións o deporte e a actividade física foron sempre considerados como elementos básicos para a formación humana e o seu desenvolvemento integral. Desde o Xornal Aquí Teis queremos poñer unha lanza para animarvos a todos e todas a que se aínda non o facedes, vos acerquedes ao deporte ou a actividade física, do xeito que mellor vos veña, ao voso horario, á vosa condición ou as vosos propios gustos. Teis, un gran campo deportivo Pois si, somos tremendamente afortunados de vivir nun barrio onde podemos atopar todas as posibilidades do mundo para facer deporte, sen ter que usar o coche nin ningún medio para desprazarnos. Se queremos pasear… Na Etea temos un espazo envexábel, co mar ao lado, cun amplo paseo que invita ao relax, á contemplación e sobre todo a saber desfrutar dun entorno que mesmo por el só é capaz de mover os nosos pés. Pero que dicir do noso gran parque da Guía, alí podemos atopar inmensos paseos rodeados das árbores e podendo contemplar a nosa ría, todo, respirando o aire máis sa do mundo e nunha paisaxe que mesmo podía ser o paraíso soñado. Ademáis, a Senda Verde ata Chapela e outra excelente opción. A bici… Temos espazos de sobra para poder practicar o deporte da bicicleta, ben a de montaña ou mesmo a de carreira, temos un club ciclista xa histórico no noso barrio onde nos poden axudar moito para aconsellarnos de como irnos introducindo no seu uso. Deportes tradicionais… A petanca, a chave, os bolos e outros xogos tamén populares poden ser perfectamente practicados no noso barrio. Instalacións… Nos nosos campos de fútbol, no polideportivo de Teis, no noso club de remo ou mesmo nos colexios da zona temos máis que posibilidades para que nós mesmos e os nosos fillos e fillas podan practicar un deporte ou realizar unha actividade física aquí como se di, sen saír da casa. Ser deportista en Teis é moi doado, veña!