Temos historia para construír o futuro

Ao longo dos anos e coas achegas de moitos e moitas fomos quen de descubrir historias, relatos e memorias vivas do que ten sido Teis, como barrio, como colectividade e mesmo como parte integrante da propia historia da nosa cidade.
Unha historia que nos fala do que fomos como colectivo e tamén do que persoas en concreto foron depositando polo ben común.
Unha historia que á forza ten que facer que nos sintamos orgullosos de pertencer a este barrio.
Cando miramos atrás
vemos o que evolucionamos; vemos a superación que conseguimos e vemos tamén, e con tristura, a quen nos deixou e xa non vai poder compartir connosco a nosa andaina por terminar.
Por todo isto, pola nosa historia, polos que fixeron posible todo o que temos, debemos mirar adiante e crer no noso futuro e na nosa forza como veciños e veciñas.
No concello iniciamos unha nova xeira, co mesmo goberno e os mesmos gobernantes que o fixeron nos últimos 16 anos, confiemos tamén en que eles mirarán por nós e cumprirán con aquelas metas que vimos propoñendo como barrio e que se rematarán aquelas iniciativas tan positivas que xa se teñen iniciado.
Pero pensemos tamén,
que podemos facer cada un e cada unha de nós por este futuro barrial. Pensemos que podemos aportar para que nos beneficiemos todos e todas e poidamos vivir nun barrio mellor e cunha calidade de vida tal e como todos e todas nos merecemos.
Coidando o noso entorno, favorecendo ao noso comercio, participando e colaborando nos distintos colectivos sociais, culturais e deportivos que existen, propoñendo melloras e actuando firmemente contra os que pretendan romper a concordia.
Temos por diante retos que afrontar e un futuro real por construír.
Desde aquí Teis queremos poñer unha vez máis o noso grao e a nosa colaboración. Estaremos sempre á vosa disposición para facer de altofalantes do que vos preocupe, ou para ser convocatoria do que pensades facer, e tamén de transmisores daquelas actuacións que hai que realizar.
Comezamos o verán e con el un tempo para realizar aquilo que habitualmente non facemos. Un tempo para reflexionar moito máis e para pasar moito máis tempo cos que nos queren e cos que queremos estar.
Un tempo que vén moi ben para coñecer mellor a nosa contorna, andar polo barrio, visitar paraxes que xa tiñamos esquecidos ou simplemente para charlar máis cos nosos veciños e veciñas.
En definitiva e coa axuda de todos e todas manteñamos vivas as lapas da nosa afouteza e do orgullo de sermos unha colectividade única e na que vivimos e sentimos todos os días.
Coa nosa historia e coas nosas forzas seremos quen de construír un mellor futuro para nós e para os que veñen detrás.
Felices vacacións e feliz futuro.