Sarai Suárez Louzao é unha muller de Teis, que aos seus trinta anos e pico (como di ela) puido comprobar in situ os horrores e a tristura do que ten acontecido tanto en Turquía como en Siria.
Miles e miles de mortos corroboraron con feitos o que ten sido sen dúbida unha das maiores catástrofes que se lembra.
Sarai, viguesa de nacemento e de Teis desde sempre, un barrio no que viviu ata que decidiu iniciar a aventura de traballar e colaborar coa xente que o precisaba de todo o mundo. Os seus pais viven en Teis, e a súa nai en concreto exerce como profesora no colexio do barrio San José de La Guía.
En Aquí Teis puxémonos en contacto con ela para que nos transmitira a súa experiencia e testemuña do que lle tocou vivir.
“Todo o mundo tiña medo, os que tiñan coche saíron aterrorizados”
– Como viviches os primeiros momentos do sismo?
– Como o sismo aconteceu sobre as 4 da mañá, os primeiros momentos foron de bastante confusión. Cando comezou, daba a impresión de que pasaría en cuestión de segundos. En Gaziantep, por ser unha zona sísmica, estamos acostumados a pequenos tremores de terra, breves, que non teñen maior importancia. Porén, neste caso a intensidade foi incrementando e durou moito máis do que estabamos acostumados.
Toda a estrutura do edificio mexía, e os mobles e obxectos movíanse e caían. A verdade é que nese momento parecía que o meu edificio ía colapsar, así que eses primeiros momentos foron de moita ansiedade e medo. En canto terminou, todos saímos correndo dos edificios e tivemos que esperar debaixo da neve case unha hora. A partir de aí, comezaron as réplicas.
– A que te dedicas en Turquía?
– Traballo nunha ONG dedicada a realizar proxectos de apoio á poboación siria.
– Que sentimentos existían entre a poboación civil?
– Todo o mundo tiña moito medo. Os que tiñan coche saíron aterrorizados. Afortunadamente no meu barrio non colapsou ningún edificio así que non apareceu o pánico como tal.
“As horas seguintes foron de ir buscando lugares seguros”
– Como foron as horas seguintes?
– As horas seguintes foron de ir buscando lugares seguros nos que estar resgardados de neve; chamando aos amigos e coñecidos para asegurarnos de que todo o mundo estaba ben, e recibindo instrucións das organizacións para as que traballabamos.
“A situación tanto en Turquía como Siria xa era moi precaria antes do terremoto”
– Cres que será doado volver á normalidade?
– Non, porque aínda está habendo réplicas bastante fortes (onte houbo unha de magnitude 6.4). Moita xente perdeu as súas casas, os seus negocios, pertenzas de valor… e reconstruír todas as infraestruturas danadas vai levar anos. A situación tanto en Turquía como en Siria xa era moi precaria antes do terremoto, con inflacións galopantes e unha guerra de por medio! Así que aínda que se poida volver á normalidade en algún momento, esa normalidade vai deixar a moita xente en situacións extremadamente vulnerables.
– Que cres que contribuíu ao tan alto número de mortes?
– Sinceramente, non teño nin idea. Entendo que neste caso, por como están situadas as diferentes placas tectónicas, a magnitude do terremoto foi moi alta e afectou a moitas cidades e rexións de todo o sueste… Un espazo equivalente a toda a costa atlántica.
En Turquía, as cidades son bastante grandes. Por exemplo, Gaziantep contaba con un millón e pico de persoas.
Entón, paréceme que o número de mortes van ligadas á poboación afectada.
“Teño morriña dos paseos pola Guía, da vista da Ría, dos amigos e sobre todo dos meus pais”
– Como te atopas ti agora mesmo?
– Atópome ben, recuperada a nivel físico. Saín de Gaziantep a semana pasada e agora estou nunha cidade a 5 horas en coche. Onte cando houbo a réplica estabamos no edificio e tivemos que saír correndo, pero pola noite non queriamos durmir no coche e decidimos volver ao apartamento.
Non puiden durmir, porque cando estás nestas situacións dáche a sensación de que o edificio se move todo o tempo e sempre estás en alerta.
A parte diso, estou centrada no traballo e en sacar tempo para comunicarme con amigos e familia, que están preocupados por min. A nivel emocional prefiro non pensar moito no que aconteceu.
– Como te presentarías aos teus veciños de Teis?
– Pois como unha muller viguesa, de trinta e pico anos, residente en Turquía e que bota moito de menos Teis.
Con morriña dos paseos pola Guía, os aperitivos nos bares de Sanjurjo Badía, a vista da Ría desde a miña casa e sobre todo, dos meus amigos de toda a vida e dos meus pais.
Moitísimas grazas, Sarai, por traernos de primeira man a túa testemuña sobre esta catástrofe e, sobre todo, polo grande traballo que estás a realizar en favor dos que máis o precisan, en apoio a esa xente de Siria que tantos anos leva soportando a crueldade dunha guerra que parece non ter fin. Aquí Teis deséxache os maiores éxitos no teu labor e que pronto poidas estar desfrutando por uns intres dos teus amigos e familia aquí neste barrio de Teis.

