Hoxe neste apartado traemos a Fernando López Combarros, párroco da Igrexa parroquial de San Francisco Javier. Fernando é xesuíta e o noso colaborador Avelino Quirós quixo facerlle esta entrevista por mor da publicación do seu libro “De capilla privada a parroquia concertada”. Un libro que como non podía ser doutro xeito recolle os últimos avatares de cando se pretendía o seu peche e da historia de 50 anos.
Fernando nace en la Bañeza en xaneiro do ano 1950.
Alí estivo ata o ano 1962, cunha pequena “escapada” ao Valle dos Caídos para estudar música. Con 12 anos vaise ao seminario de Comillas en Santander; alí fixo Bacharelato, e coincidiu co político José Luis Barreiro Rivas do que foi compañeiro de estudos. Aos 19 anos se lle “ocorre”(como el di) entrar de xesuíta, en Salamanca.
Como xesuíta a súa vida foi moi variada. Estivo de educador no hospicio en León, máis tarde estuda unha enxeñería agraria en Valladolid nunha escola que tiñan alí os xesuítas, logo acaba teoloxía e ordénase sacerdote con 28 anos, en 1978. Logo foise con outros sacerdotes a la Cabrera leonesa, unha zona moi pobre, á que volve sempre que pode.
A súa familia era unha familia numerosa de sete irmáns todos varóns. Estivo na emigración en Burdeos como capelán de portugueses e españois.
Chega a Vigo xa con sesenta anos, no 2010.
– Desde que chegou a Vigo xa se ocupou da igrexa?
– Si, vin de párroco a substituír ao Pai Ogando que foi o segundo párroco despois de Fondado que merece toda unha historia aparte, a el incluso lle gravaban as homilías porque se metía coas autoridades; este home foi un adiantado ao seu tempo.
– Leva xa moitos anos en Vigo, como foron eses primeiros anos da súa chegada?
– Entusiasmeime, era todo un reto substituír a Ogando, pero el foi moi respectuoso e me dicía as cousas, aínda que non lle facía caso.
– Hai uns meses houbo no barrio unha forte polémica pola intención de pechar a capela como capela parroquial. A día de hoxe pódese dicir que o tema está xa solucionado?
– Si, está solucionado, porque o Provincial dos xesuítas xa se manifestou no sentido de que cede a capela e agardemos que tamén os locais que ocupa Cáritas para que a parroquia poda seguir vivindo.
Pero era de sentido común se os xesuítas cerran a capela porque non podan atendela e que se ocupe a diocese, onde se ía a establecer a parroquia?
O barullo non foi porque se foran os xesuítas que tamén se sentirá, senón porque se pechaba a parroquia.
E todo isto grazas a xente que se moveu como Antonio Montero a Luci e Mara que saíron en prensa e se moveron na recollida de sinaturas.
– Cre que foi fundamental este movemento veciñal para que siga funcionando a parroquia?
– Totalmente, esa movida foi fundamental. Ademais decateime de algo moi importante. Moita xente que nin sequera vai pola parroquia, participou nisto e iso demostra o grande respecto que se lle ten ao traballo que desenvolve a parroquia. E a senten moi próxima.
– Ben, falemos agora dunha faceta que lle gusta que é a de escribir.
– Escribir non é doado, a min o que máis me gusta é indagar, investigar e logo ordenar os datos.
– Fixo hai pouco un traballo sobre a letra do himno do Cristo da Vitoria, deulle moito traballo?
– Non me deu moito traballo, porque recollendo cousas das hemerotecas, puiden acabalo.
– E agora un libro…
– Si, un libro que conta a historia dos 50 anos da parroquia. Neste proxecto embarcoume o Pai Evaristo Rivera que cando marchou para Salamanca escribiume dúas veces seguida e díxome que lle gustaría ter escrito a historia da parroquia e que eu o tiña que facer eu.
– Foi doado?
– Non moito; o principal problema é que non había moita documentación. Tiven que acudir a xente da parroquia.
Participou Esther cun artículo moi interesante e logo buscando no arquivo diocesano de Tui.
– Neste libro “de capilla privada a parroquia concertada” contaches moito con a xente do barrio para refrescar moitas historias.
Foi positivo este traballo?
– Si, moitísimo, desfrutei moito indagando e recollendo os datos, tamén falando coa xente, foi un proceso moi interesante. A verdade é que este libro tería que terse feito antes, cando se cumprían os 50 anos, pero eu non me dedico a escribir e o fago nos pequenos ratos que teño.
Segundo nos conta o Pai Fernando o libro pódese conseguir no Bar Polar en fronte do colexio ou na portería do mesmo ou tamén na parroquia.
Desde Aquí Teis agradecemos as palabras deste xesuíta sempre preocupado polo barrio e pola parroquia e animámosvos a que adquirades este interesante libro.

