Xente de Teis: Ramón Pais Martínez

En Aquí Teis intentamos sempre dar visibilidade a todos os veciños e veciñas que teñen algo que contar ou que nos queren mostrar as súas cousas, o que fan, as súas afeccións ou aquelo que consideren. Só tedes que escribirnos, dicirnos o que queirades sobre vos ou sobre algo que vos preocupa e publicarémolo sen ningún problema. Este é o caso de Ramón Pais Martínez, veciño de Teis e que hoxe nos conta as súas afeccións, nomeadamente as dúas que máis lle gustan.
– Un pouco da súa historia.
– Pais, Ramón ou “Chiño” que así lle chaman no seu barrio, naceu na rúa Santa Tegra número 3 ao lado do taller de Pernas. Viu ao mundo un día como o 8 de setembro do 1955 e viviu toda a vida alí a excepción de cinco anos, que se casou, que viviu no camiño da Chumba. Estudou no colexio da Molina, dona Carmen. De alí pasou para o Gallego onde remataría os seus estudos primarios aos 14 anos. A esa idade comezou a traballar coa súa nai no Faro de Vigo. Acabaría xubilándose na Editorial Edicións do Cumio. O seu traballo no Faro era de linotipista ata que desapareceu a linotipia e entón pasaría a labores de maquetaxe tanto para o Faro de Vigo como para o Faro de Ourense.
– Fálanos un pouco das túas afeccións que sabemos que son algo curiosas. Dedícaste a colección tanto de moedas como de pins, non?
– Si, pero a colección dos pins é dos equipos de fútbol de Galicia, xa sexa fútbol sala, fútbol feminino, fútbol profesional e demais. Comecei con eles cando entrei a traballar no Faro; alí estaba unha persoa que me axudou moito, Ernesto Bautista, que era o segundo masaxista do Celta por debaixo do mítico Alvarito. Bautista tróuxome a primeira insignia do Celta e a partires de aí cada quince días traíame as insignias dos equipos cos que xogaba o Celta en Balaídos.
– E así comezaches?
– Si, funlle collendo cariño a estas insignias e cheguei a xuntar unha colección de aproximadamente 1363 de equipos galegos.
– Moitos son. E tes algún que sexa especial para ti?
– O que máis ilusión me fixo e o que lle teño máis cariño e a un de prata do C. D. Teis que me regalou Fernando Torea que daquelas dicían que era un dos mellores xogadores de Guixar.
– Algo tería que ver con esta afección o teu propio interese polo fútbol?
– Si, claro, sempre me gustou o fútbol, eu xoguei no Peñasco, o Peñasco foi e sigue sendo o equipo da miña vida, aínda que levo máis de trinta anos xogando no Xuntanza, agora na Agrupación de Veteranos de Vigo, que é o equipo do barrio mal chamado “Wichita”. Teño que indicar que tamén fago heráldica dos concellos de Galicia e Asturias.
– Sen dúbida unha colección moi interesante e non moi común de atopar. Falamos agora da túa outra afección que son as moedas. Tes unha importante colección polo que sabemos non?
– Si, a verdade e que é unha colección moi boa. Comecei porque o meu curmán-irmá, Ricardo que traballaba en Pescanova, pasou un día polo canal de Panamá e tróuxome unha moeda de prata do Panamá de 5 Balboas e gustoume moitísimo. A partir de aí comecei a collerlle cariño as moedas e pouco a pouco comezar a facer esta colección.
– Colección que ten moita importancia polo que vemos.
– Teño por exemplo todos os euros de España desde que saíron ata as primeiras mostras que saíron en Andalucía para ver como se manexaba a xente coa nova moeda.
– Para aqueles que non saiban moito desta afección, cabe preguntar como consegues as moedas?
– Pois por intercambios, por compra, por algúns amigos que van de viaxe ou eu mesmo; tamén por internet, é dicir por diversos medios.
– Moita xente pode pensar que fan falta moitos cartos para conseguir unha colección tan boa coma a túa, é verdade?
– Non fan falta moitos cartos para facer unha colección un pouco bonita. Se te metes en fonduras si, pero para unha colección un pouco xeitosa non. Eu agora mesmo non toco nin un euro da miña pensión; como teño miles de pins, vou vendendo algúns, intercambio outros e así vou incrementando a colección. Porque non están os tempos para gastar cartos nisto. Non os vendo con ánimo de lucro, se por exemplo teño moitos repetidos os cobro ao mínimo. E se algún quere que lle asesore para empezar unha colección, eu sen problema podo asesoralo no que precise. (Unha moi boa oferta por se alguén se interesa).
– Cal é a moeda que máis valor ten, e cal foi a que máis che custou conseguila?
– Teño unha moeda alemá que me regalou un amigo e lle teño moito cariño; agora mesmo está no mercado cun valor de 130 euros, pero é tan bonita, tan bonita que me encantou cando a mirei. A parte estas moedas que están saíndo de 30 ou 50 euros que son en cor e tamén son moi bonitas.
– Vas a algún sitio para conseguilas ou simplemente por internet?
– Antes ía case todos os domingos á Praza da Constitución, aquí en Vigo, pero ese mercadiño decaeu moito. Aproveitaba tamén cando ía á Feira do Libro en Madrid, na Praza Maior, para traer algo; alí sempre picaba algunha cousa, traía pins diferentes ata de partidos políticos, sobre todo por curiosidade, e non gastaba moitos cartos. Eu animo a xente a que se inicie nesta afección porque pode ser moi interesante.
– A parte destas coleccións sabemos que tamén te dedicas a unha actividade de creación de pins; cóntanos un pouco.
– Si, no fútbol somos un grupo de catro íntimos amigos que facemos un grupo moi bo e fabricamos pins de fútbol entre os catro. Destaca a colección de todo o mundo que ten “Nito” Tizón de Chapela. Reboredo ten unha colección moi fermosa e Javi Barrios, que foi o goleador por antonomasia do Arosa, tamén ten bastantes pins, ámbolos dous de Pontevedra.
– Como facedes para fabricar os pins?
– Pedímoslle permiso sempre aos clubs, estes nos envían o escudo aínda que sexa en adhesivo, mandamos a fabricar, se nos envía un primeiro modelo e se aceptamos, logo lle pedimos a cantidade que nos pedira o club. Iso si, os pins cobrámolos tal e como nos custa a nós; non queremos facer negocio con isto. Moitísimas grazas a Avelino por esta entrevista e sobre todo a Pais pola súa amabilidade para contarnos aquelo que forma parte da súa vida. Esas afeccións que ademais non dubida en compartir con quen decida iniciarse neste mundo das moedas ou dos pins. Xa sabedes se queredes algún asesoramento para iniciarvos no mundo das coleccións non dubides en poñervos en contacto con el. O seu correo: ramonpaismartinez@gmail.com